Subliña que o itineario actual foi deseñado con rigor e sen xerar alegacións
Os deputados Regina Polín e Álvaro Santos entregaron na sede lucense da Xunta as alegacións do organismo provincial contra a modificación do trazado do Camiño Norte. O impacto na actividade económica, a falta de respecto á «lexitimidade histórica» e a ameaza á seguridade dos peregrinos son as razóns aducidas pola Deputación para defender o actual itinerario.
En canto ao apartado económico, a Deputación subliña que entre Baamonde e o límite coa provincia da Coruña funcionan uns 20 negocios cuxa actividade depende directamente do Camiño Norte e que a modificación do trazado os condena ao peche, «destruíndo emprego non rural e agravando a sangría demográfica». Respecto ao rigor histórico, o organismo provincial, gobernado polo PSOE e polo BNG, sostén que o trazado na provincia quedou delimitado grazas a un traballo deseñado e financiado pola Deputación a comezos dos noventa, na etapa na que Francisco Cacharro presidía a corporación de San Marcos; destaca que o contido dese «rigoroso estudo» non só foi asumido pola Xunta anos despois senón que se someteu a exposición pública sen recibir alegacións. Para rematar, a Deputación cuestiona a seguridade do novo trazado proposto pola Xunta nalgúns tramos por carecer de sinalización e por discorrer nalgúns lugares por zonas que se alagan en períodos de intensas choivas.
Múltiples alegacións
A posible modificación do trazado xerou polémica nalgúns lugares. O caso máis patente é o de Baamonde, onde a idea da Xunta, consistente en afastar a ruta cara ao leste para levala por Pacios e pasala baixo a vía do tren para que logo discorra cara a Bóveda, causou malestar veciñal, ata o punto de que se colocaron pancartas e organizouse unha manifestación. Os veciños defenden o actual trazado, que discorre cara a San Alberte (Guitiriz) pola beiravía da N-VI, proposta que tamén asumiu como súa o Concello de Begonte nas alegacións aprobadas onte nun pleno extraordinario.
O Concello de Friol tamén alegou contra posibles modificacións, defendendo o actual trazado, e o alcalde, Antonio Muíña (PP), incluso criticou de xeito claro e rotundo as intencións da Xunta.