A Plataforma en defensa do trazado actual do Camiño Norte en Baamonde, creada esta mesma semana polos veciños desta parroquia begontina contrarios á modificación da ruta xacobea proposta pola Dirección Xeral de Patrimonio, acaba de iniciar unha recollida de firmas virtuais a través da web change.org para respaldar as súas reivindicacións.
En dita páxina recóllese unha petición colectiva que quen queira pode subscribir, dirixida a dona María Carmen Martínez Insua, Directora Xeral do Patrimonio Cultural, na que se esixe «que o Camiño Norte de Santiago manteña o seu trazado actual pola poboación de Baamonde».
A este escrito, que onte xa superaba as 50 sinaturas, únense a creación dun grupo en Facebook, que tamén supera os cen apoios, ou a recollida de sinaturas en establecementos da localidade. Desde a plataforma, aberta a quen queira sumarse, reclámase máis información e non se descarta presentar alegacións ou a organización de máis iniciativas.