A proposta de delimitación do Camiño Norte realizada pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, que afecta ás localidades chairegas de Begonte ou Guitiriz, provocou a indignación dos hostaleiros e comerciantes da zona que decidiron xuntar esforzos para evitar «calquera variación ou destrución do camiño actual», no que consideran un «grave espolio inxustificado».
Este foi o compromiso común ao que se chegou na reunión celebrada onte no lugar de Carballedo, en Santa Locaia (Guitiriz), e na que participaron membros da asociación Amigos da Etapa 31, así como outros afectados de Friol, Baamonde e Sobrado dous Monxes.
«Todos temos claro que o Camiño non se toca, é o que se marcou hai 21 anos baseándose en razóns históricas e paisaxísticas, segundo precisou a Xunta de Galicia entón. A que vén agora este cambio? Que máis carga de autenticidade queren que os 21 anos de vixencia?», sinalaron.