O alcalde de Friol, o popular Antonio Muiña, considera que os colectivos e institucións que se opoñen ao novo trazado proposto pola Xunta para o Camiño Norte teñen unha longa loita por diante.
Muiña reuniuse onte con veciños de Friol e representantes dalgúns dos colectivos constituídos en Baamonde e Guitiriz para defender o actual trazado da ruta xacobea. Neste encontro, o rexedor informou os contactos que mantivo co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e co conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez, tras os cales se mostrou «pouco optimista» e indicou que «vai ser difícil que as alegacións sexan aceptadas». No entanto, instou os colectivos a esperar «a resolución, que non debe tardar moito», antes de tomar novas medidas.