A manifestación, que pechará o tráfico na localidade entre as cinco e as seis da tarde, celebrarase este sábado 19 de outubro e será acompañada do peche dos establecementos comerciais
Baamonde continúa movéndose pola defensa do actual trazado do Camiño Norte ao seu paso pola localidade. Con ese motivo acollerá unha manifestación na que participarán plataformas e outros colectivos que teñen manifestado nas últimas semanas o seu desacordo coa modificación do trazado do Camiño nalgún punto da provincia este sábado 19 de outubro.
A mobilización, baixo o lema de “Modificación do Camiño NON” partirá arredor das cinco da tarde da entrada da poboación pola N-634 ata a saída pola N-VI e posterior regreso ao punto de partida co conseguinte corte de tráfico nestas estradas. Ademais, os establecementos da localidade uniranse á protesta co seu peche entre as cinco e as seis da tarde.
Outras actuacións
Como mostra da consolidación do actual trazado, os veciños e veciñas de Baamonde constituídos como Plataforma na Defensa do actual trazado do Camiño Norte ao seu paso por Baamonde, xa impulsaran unha marcha simbólica baixo o nome ‘Este é o Camiño’ con saída dende Mondoñedo realizando todas as etapas ata Santiago de Compostela cada xoves e sábado deste mes de outubro sumando apoios en cada unha delas. Este sábado 19 realizarán tamén a etapa entre Arzúa e O Pino para finalizar en Santiago de Compostela nunha concentración conxunta con outros colectivos o xoves 24 de outubro.
A pesar de que os veciños de Baamonde teñen prevista prevista unha entrevista persoal coa Directora Xeral de Patrimonio o vindeiro mércores 23 de outubro, xa están a preparar as alegacións que deixaron en mans de especialistas custeados pola Comunidade de Montes de Baamonde.